16.12.13

SARABELA TEATRO: A IDADE DA PAVÍA





O día catro de decembro, alumnos e alumnas  de 3º ESO e 1º de BAC tivestes a oportunidade de poder ver a representación da obra de Arístides Vargas, A idade da pavía.

Tres actrices e un actor do grupo SARABELA TEATRO contáronnos a historia de tres xeracións dunha familia de mulleres.Vede a sinopse que figura na páxina do Concello: 

"Unha antiga casa, nove mulleres e un mundo máxico no que o tempo se detén para abrir as portas do pasado. Un pasado que vive na nosa memoria e que volve en recordos co cheiro ao viño de pavía e ratas grises escaravellando os recunchos da nosa mente. Conta a historia de tres xeracións dunha familia de mulleres, vista a través da mirada inocente das dúas nenas da última xeración; poñendo en evidencia a necesidade que ten o ser humano de non estar só malia as dificultades que ten a convivencia."

Isto é o que nos contou Esther de 1º de BAC D:


Esta obra de Sarabela Teatro, trata sobre dúas irmás que se están a comunicar  por carta. A carta comeza a escribila a irmá máis pequena, dicindo que súa nai estaba morrendo; pero a historia non se centra niso, senón que se centra nos seus recordos. Recordan moitos momentos da súa infancia, dende que cazaban ratas e as colgaban no faiado, ata que todas as mulleres da casa marcharon. Primeiro, as nenas, as fillas de Francisca, paran o tempo. A raíz diso, a primeira que marcha é Adriática, que morre caendo da árbore das pavías. Máis tarde, marcha a criada Branca e despois tamén o fai Victoria, que non ten arte para nada, xa que, cando se parara o tempo, quedou durmida.Tamén decide marchar Xacinta, impulsada pola súa irmá Francisca que lle aconsella ir buscar ese amor perdido da infancia. As dúas irmás, María e Gumersinda, enemistadas ambas por querer ó mesmo home, pero, á súa vez, inseparábeis, tamén marcharon, en bicicleta. Por último, decidiron marchar as dúas irmás, unha para vivir do conto e a outra co seu propósito de chegar a ser un home ó chegar á maioría de idade.


No hay comentarios:

Publicar un comentario