8.3.16

MANUEL PORTAS. LOURENÇO, XOGRAR



No capítulo XIII do LIVRO SEGUNDO de Lourenço, Xograr, de Manuel Portas escoitamos a voz de María Peres, a Balteira consolando a Lourenço, o protagonista desta historia, porque se sente desprezado polos trobadores. Esa voz tamén nos fala das miserias da corte, dános a súa opinión sobre o trobadorismo galego-portugués e provenzal e fainos un retrato de si mesma, presentándose como unha muller libre, independente e que rompe coas normas sociais da época.

Vou deixarvos un anaquiño dese capítulo :

Eu sonche libre como o vento e seguireino a ser toda a vida, por moito que eses poetastros fagan chufa de min, que son tan fidalga coma eles, de Armea, das terras señoriais de Betanzos, das mesmas que Pero Amigo de Sevilla. Desque saín de Galiza non houbo home que me prendese ao seu lado. Nin sequera o d'Ambroa. É máis, gozo de quen eu quero e cando quero. E gaño os cartos que preciso sen lle pedir nada a ninguén. Por iso están que botan fume e falan mal de min, arregañando os dentes coma cans adoecidos. Quen lles dera a eses valérense como me vallo eu soa. A última laretada é que xogo aos dados. Os moi hipócritas din que non está ben que unha muller o faga. Mira ti. Unha muller, disque. Feixe de inútiles, que nin sequera son quen de gañaren para a súa mantenza. E se eu gosto de xogar aos dados, que? Non xogan eles tamén? Que me vai criticar nas súas cantigas ese Pero García Burgalés? Que teño mal perder? E el que? Aínda o deixei sen branca o outro día e era el o que subía polas paredes. Acusarme a min de facer trampas. O que pasa e que entende como unha deshonra ser menos hábil que unha muller. (Páxinas 238-239)

No Texto fai referencia a unha cantiga de Pero García Burgalés que podedes ler, con notas aclaratorias, na páxina de Cantigas Medievais Galego Portuguesas.


Gravado de Luís Seoane

Cando lin o que precede acordeime doutros poemas medievais que tiñan como protagonista a María Peres pero tamén me veu á cabeza a loanza que lle fixo Lorenzo Varela:

MARÍA BALTEIRA

Loubar eu loubara, María Balteira, 
túa saia leda, 
que a carón da morte, ó vela na danza 
semellando pombas redor dun pombal, 
facía que aqueles barbudos sorriran. 
Aqueles labregos da morte guerreira, 
carballos antergos, varós desta terra, 
destes pobos todos que chaman España, 
desde aqueles tempos que a tallou a espada.

Loubar eu loubara, María Balteira, 
túa saia leda, 
tan leda que tola á xente deixabas, 
d’amores sin prendas:
peitos de folía, nin moeda moura, 
nin prenda d’amor nin prenda de conta. 
Mala perdedora, boa bailadora 
co lume nos ollos i o aire nos pés,
¡e nas maos a lúa a facer lilailas,
lixeiras gaivotas, ladroas amadas!

O cabrón do inferno, María Balteira, 
cando veu a España, 
por xogar contigo perdeu a soldada. 
¡Por ganalo a él perdeches a ialma!

Loubar eu loubara, María Balteira, 
túa saia leda!
Eu loubar loubara, si os cás dos xograres 
que ti desamaras,
vindo da fronteira non me dentellaran 
no peito as loubanzas:
¡Ley de xograría me chama a silencio! 
Si non fora aquelo de xogar co demo, 
e partir o viño con tantos meleiros, 
faría tensón cos meus compañeiros, 
María Balteira. Ti sábelo, eu sei, 
que loubar loubara túa saia sin lei. 
¡Túa saia leda
que non loubarei! 
Túa saia leda 
que non loubarán:
con frior de seda 
e quentor de lan.

Catro poemas pra catro grabados.

Ó mellor o texto de Portas sérvenos para falar da igualdade de xénero; hoxe que é o Día Internacional da Muller Traballadora ou calquera outro día.

En Tempo de lecer Ourense tedes información sobre a presentación do libro.


2 comentarios:

  1. A Balteira seduciu sempre e ségueo a facer. Magnífica entrada pata o día de hoxe. Parabéns

    ResponderEliminar
  2. Grazas polo comentario. É moi reconfortante que te lean. Ata o fixo Manuel Portas quen compartiu a ligazón no seu muro.
    Grazas a iso souben que mañá, xoves día 10,ás 8 da tarde, presenta a novela Lourenço, xograr en El Cercano(Cardenal Quevedo, 20. Ourense)

    ResponderEliminar